Friday 17 de May de 2024

Oito establecementos de San Pedro serán nomeados embaixadores do barrio polas súas boas prácticas comerciais


O Concello de Santiago pon en marcha o programa “Embaixadores do Barrio de San Pedro”, co que se busca resaltar as virtudes, beneficios e atractivos do barrio de San Pedro, un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse a través do seu comercio e hostalería, para así amosar o seu atractivo á veciñanza de San Pedro, de Compostela, e aos seus turistas e visitantes. Esta iniciativa, incluída no programa Urbana Santiago Norte e cofinanciada con fondos europeos FEDER, busca igualmente dar o merecido recoñecemento a aqueles establecementos que, co seu labor, contribúen á mellora da imaxe do barrio e o converten nun lugar de atracción.

Oito establecementos do barrio serán nomeados “Embaixadores do Barrio de San Pedro” por seren representativos das boas prácticas comerciais. A selección realizarase, entre todos os participantes, a través da técnica do “mistery shopping” ou “comprador misterioso”. Consiste na visita dunha persoa que, facéndose pasar por un comprador calquera, avaliará o grao de cumprimento das boas prácticas comerciais que se recomendan no catálogo que se acompaña con esta convocatoria.

Aqueles establecementos que obteñan as mellores puntuacións segundo o baremo establecido serán nomeados “Embaixadores do Barrio de San Pedro” e serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Os vídeos difundiranse a través da web www.barriosanpedro.eu.

Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR a través do cal calquera cidadán que pasee polo barrio ou que chegue por primeira vez a Santiago poderá atopar toda a información do proxecto dispoñible na web de San Pedro e coñecer mellor o seu establecemento.

Os establecementos interesados en participar deben cubrir o formulario de inscrición dispoñible nas páxinas web municipal (www.santiagodecompostela.org) e do Urbana Santiago Norte (www.urbanasantiagonorte.org). A data tope para a inscrición no concurso é o venres 12 de decembro ás 12 da noite.

A avaliación de solicitudes a través do “comprador misterioso” realizarase a partir do terceiro día dende a inscrición no concurso, sendo o último día de comprobacións o 19 de decembro. Os Embaixadores do Barrio de San Pedro daranse a coñecer o día 22 de decembro na web municipal.